A nova serie da TVG Urxencia Cero estrea web
luns, 14 de setembro do 2015
A serie de televisión
Urxencia Cero, impulsada por Voz Audiovisual, vén
de estrear páxina de seu, en palabras da produtora “un novo
punto de encontro na Rede que sumar aos xa habilitados por outras
achegas míticas da TVG como Padre Casares, Matalobos ou
Serramoura”. Urxencia Cero, que chegará este outono
á grella da Televisión de Galicia, é un achegamento en clave de
ficción ao día a día dunha unidade de transplantes, cuxos
protagonistas serán os doantes, os pacientes e os profesionais que
traballan consagrados a salvar as súas vidas.
Polo que atinxe a web,
a intención é seguir o camiño de “éxitos” acadados polas
incursións de Matalobos ou Serramoura nas redes
sociais, “complementando a emoción da ficción televisiva cunha
batería de accións en liña centradas en urxenciacero.com”,
explican Voz Audiovisual e a TVG.
A páxina, engaden, nace
con vocación de “ser un punto de encontro para os seareiros da que
promete ser a serie deste outono en Galicia”. O sitio oficial de
Urxencia Cero terá o seu reflexo 2.0 na páxina
facebook.com/urxenciacero
e da conta de Twitter @UrxenciaCero.
A web incluirá imaxes inéditas, visitas á gravación, entrevistas
cos seus protagonistas, avances e audiovisuais promocionais, etc.
