A nova tempada de Stranger Things provoca problemas técnicos en Netflix

xoves, 27 de novembro do 2025 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver que cando unha plataforma de streaming realiza algunha retransmisión en directo masiva, como unha velada de boxeo polémica, experimente serios problemas á hora de atender a elevada demanda técnica na súa infraestrutura, pero iso tamén pode acontecer con contidos en diferido, como se comprobou a pasada madrugada en Netflix, ca estrea da derradeira tempada de Stranger Things.
A serie dos irmáns Duffer converteuse nun fenómeno na súa estrea en 2016, e tras os moitos problemas que houbo durante a súa produción (dende folgas de artistas ata unha pandemia), finalmente chega a súa 5ª e derradeira tempada, creando moita expectación, que se traduciu en que moitos dos usuarios que querían ver os primeiros 4 episodios da nova tempada atopasen unha mensaxe de erro durante un bo anaco.
Estamos ante un bo xeito de medir o éxito de Stranger Things, que xa provocara problemas de conexión en Netflix coa estrea dos 2 últimos episodios da 4ª tempada. Queda agora por ver se as incidencias se repetirá coa estrea dos vindeiros 3 episodios o 26 de decembro e do episodio final o 1 de xaneiro (en ambos casos, ás 2:00 horas).