A nova web do Obradoiro de Gaitas Seivane permite facer configuracións virtuais do instrumento

martes, 7 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Tarde mais agardamos que nin mal nin arrastro facemos unha paréntese en Código Cero para dar conta da presentación (o 3 de novembro) da nova web do Obradoiro de Gaitas Seivane, páxina que é máis ben unha remodelación da xa existente no mesmo enderezo e (tamén) un novo xeito de afianzar a presenza da música galega neste grande universo cambiante que é o de Internet.
A nova faciana do espazo web do obradoiro Seivane foi presentada este venres 3 de novembro na Fundación Luís Seoane da Coruña perante un auditorio de máis de cen persoas, segundo se informa no blog Folque.com.
A páxina, que se abre ó mundo en catro linguas (galego, castelán, inglés e francés) foi deseñada pola Organización de Artesáns de España. O espazo Seivane.es, que é un manual ou tratado sobre a gaita galega en si mesmo (de feito, pódense baixar manuais en pdf sobre o seu uso), inclúe apartados de interese dende o punto de vista de aproveitamento das vantaxes de Internet, como por exemplo a sección onde se ofrecen ferramentas para configurar virtualmente o devandito instrumento en tódolos seus detalles, como por exemplo a cor, a madeira elixida ou as características da funda.

PUBLICIDADE