A páxina web da Casa Branca renóvase en fondo e forma

martes, 20 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A poucos minutos da toma de posesión de Barack H. Obama da presidencia dos EE.UU. a páxina web da Casa Branca tamén mudou a súa aparencia para reflectir o cambio no Goberno norteamericano, cunha nova imaxe moito máis elegante, contido publicado baixo licenza Creative Commons e mesmo un blog no que se recollen as novas e comunicados da Presidencia.
O responsable deste espazo virtual, Macon Phillips (tamén detrás de Change.gov), inaugurou o blog presidencial anunciando o cambio da web baixo o dominio Whitehouse.gov, e asegurando que o novo espazo virtual seguira a mesma política que o resto da Administración estadounidense, apostando pola comunicación, a transparencia e a participación, como xa fixeran durante toda a campaña que levou a Obama á presidencia.
A web tamén contará cunha especie de sala de prensa na que se recolle información precisa sobre os últimos eventos do Presidente, coma fotografías, vídeos, blogs, proclamacións, presentacións e notas de prensa, para que os cidadáns poidan seguir a actividade do novo mandatario de xeito completo.

O cambio estético da web con respecto da súa versión anterior é máis que evidente