A película de animación 3D Donkey Xote chega ós cines

martes, 4 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Este mércores chega ás grandes pantallas de toda España a película Donkey Xote, producida por Filmax Animation, e que xa se puido ver o pasado domingo nunha preestrea organizada polo Grupo Correo Gallego nos composteláns cines de Área Central cun éxito de crítica e público que non distinguiu idades. Hoxe ás 20 horas tamén se poderá ver no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Donkey Xote precisou un investimento de 15 millóns de euros e máis de 4 anos de traballo, e resulta un interesante achegamento libre á figura do Quixote, que non escatima en humor e diversión, pois é un produto pensado para o lecer.


Trailer da película

A película contou coa dirección de José Pozo cun guión de Ángel E. Pariente, pero a elección das voces dos personaxes aínda resulta máis destacable, coa presenza de Andreu Buenafuente (Sancho), José Luis Gil (Quixote), Sancho Gracia (Sansón Carrasco), Sonia Ferrer (Dulcinea), David Fernández (Rocinante), Luis Posada (Rucio) e Jordi González (narrador), que contan co acompañamento dunha banda sonora na que participan Celine Dion (co tema A new day has come) e Marta Sánchez.
O presidente de Filmax, o galego Julio Fernández, cualificou á película coma «o proxecto máis grande de animación que xamais se fixo na historia fóra dos estudos de Hollywood».