A plataforma N-Gage xa está dispoñible para o Nokia N81

mércores, 6 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Nokia estreou a súa nova plataforma de xogos coa que recupera a marca N-Gage, permitindo xa a descarga da aplicación que abre a porta a xogos de EA, Gameloft e Vivendi para o móbil Nokia N81, dispositivo que resulta máis cómodo para o uso de videoxogos que outros terminais, pois conta cun deseño orientado a tal fin.
A descarga da aplicación N-Gage para o N81 permite o acceso a unha versión de proba coa que permiten a instalación, compra e xogo a través da nova tenda de xogos para móbiles, que pretende converterse nunha alternativa ás consolas de videoxogos portátiles superando a calidade á que están afeitos os usuarios de xogos para o móbil.
Nokia considera agora que o atractivo da plataforma N-Gage está na converxencia, de xeito que é un móbil con xogos e non unha consola en si mesmo, e o N81 só será un dos terminais que permitirán estas posibilidades ás que a compañía finlandesa dará un importante pulo durante 2008.
A aplicación para o acceso a N-Gage ocupa 58,6 Mbytes e inclúe 3 xogos en versión de proba limitada: Space Impact Kappa Base (arcade matamarcianos), System Rush: Evolution (combina matamarcianos cun xogo de carreiras tridimensional) e Hooked On: Creatures of the Deep (xogo de pesca).
Dende Xataka publicaron un vídeo no que se ve o funcionamento deste adianto da plataforma N-Gage:

PUBLICIDADE