A primeira tenda en liña de Lugo segue a ser un referente na Rede

xoves, 23 de abril do 2009 Raquel Noya

Dende logo, calquera internauta cun pouco de experiencia nisto das compras en liña sabe que na Rede podemos atopar prácticamente calquera produto que se nos antoxe en cada momento e lugar, dende marisco das Rías Galegas ata artigos para xogos eróticos, pasando por pan, xoias, doces e ata identidades de outros usuarios.
O que seguramente non considerabamos habitual (a non ser que exerzamos como párrocos dalgunha igrexa) é buscar artigos relixiosos para mercalos por Internet (e iso que Galicia ten unha tradición relixiosa relativamente fonda) pero non hai que ir moi lonxe para darnos conta de que é máis corrente do que pensabamos.
Nove anos despois de que Martínez Artígos Relixiosos, unha tenda de Lugo creada hai máis de 80 anos, puxera en marcha a primeira tenda virtual da cidade da muralla, (que incluso contaba con pasarela bancaria segura), o comercio en liña que a firma ten aberto na Rede segue a recibir numerosas visitas.
Durante o pasado ano, esta tenda virtual, que conta con máis dun millar de referencias, rexistrou a visita dun total de 59.588 persoas, das cales o 79,62 por cento non entraran nunca antes na tenda lucense.
Segundo vén de anunciar o responsable desta ferramenta, a maioría dos potenciais compradores proceden de España, nembargantes, os países de Sudamérica e en concreto de México e Colombia, “rexistran mensualmente numerosas entradas”.
Entre os artigos que os internautas podemos atopar na web de Martínez destacan as casulas bordadas, que confeccionan as costureiras nos seus obradoiros de Lugo, así como os lampadarios electrónicos, ese revolucionario invento que dende hai uns anos sustitúe ás tradicionais velas de cera que se queimaban en tódalas igrexas.
Trátase dun innovador dispositivo (a lo menos si o foi cando se inventou) que alberga no seu interior avanzada tecnoloxía electrónica, e que a empresa galega monta e distribúe por todo o mundo.
O sistema dispón dun microprocesador de última xeración que controla todas as funcións e que permite programar o acendido e a duración de cada vela.
Sen dúbida algunha, esta empresa lucense é un claro exemplo de innovación tecnolóxica, tanto pola evolución que foi experimentando ao longo dos tempos como polo escaparate que ten aberto ao mundo dende a Rede, unha porta que seguramente levará os seus artigos alén das nosas fronteiras en pouco tempo.