A principal liña de subvencións ao audiovisual galego medra un 20%

venres, 14 de febreiro do 2025 Redacción

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe as bases das subvencións á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos cunha dotación de 3.000.000 de euros, cifra que supón un incremento do 20% respecto á consignada o ano pasado pola Xunta de Galicia para esta liña de apoio. Trátase da principal vía de investimento da Xunta no audiovisual galego a través do seu programa anual de axudas ao sector, que en 2025 ten previstas oito convocatorias.
A través destas liñas o Goberno galego atende as diferentes fases do proceso audiovisual, fomentando así o crecemento dun “sector puxante” que ten demostrado ser un dos motores das nosas industrias culturais, ao tempo que proxecta internacionalmente a imaxe de Galicia a través de filmes e series de éxito en plataformas e festivais de todo o mundo.

Axudas de até 320.000 euros por proxecto

O obxectivo da nova convocatoria de axudas é dar soporte económico aos diferentes proxectos audiovisuais (longametraxes, curtas ou series) das produtoras galegas actuando como capital semente para dotalos dunha base sólida a partir da que obter o resto do financiamento ou para que completen o seu orzamento con esta achega.
Ademais, a nova convocatoria establece unha dotación de fondos exclusiva para cada tipo de proxecto, coa finalidade de diminuír a discrecionalidade nas adxudicacións, e reformula a tipoloxía de proxectos subvencionables, que quedan distribuídos en cinco categorías segundo sexan longametraxes cinematográficas de ficción e/ou animación, de tipo documental, longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, curtametraxes ou series para televisión ou plataformas baixo demanda.

Promoción do galego e do emprego feminino

Ao tempo, o baremo de puntuación dos proxectos continúa priorizando o uso do galego, a participación de mulleres en todos os ámbitos e o emprego de profesionais, recursos e servizos de empresas galegas. Así mesmo, os criterios de selección continúan a estar moi relacionados co territorio en canto ás localizacións de rodaxe, os estudos ou os profesionais creativos, técnicos e artísticos implicados, sen menoscabo da calidade dos contidos e o seu potencial de circulación a nivel estatal e internacional.