A quinta edición de Curtocircuíto xa conta con 600 pezas dixitais presentadas

mércores, 9 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Santiago acolleu onte a presentación dun festival que en certos aspectos semella feito á medida do noso tempo, polo que ten de directo, de dixital (moito do seu contido está vinculado de xeito estreito aos novos recursos tecnolóxicos de gravación, montaxe e distribución) e tamén de accesible (non falamos dun festival ao que acudir, senón que che sae o paso nas rúas e nas prazas da cidade). Trátase de Curtocircuíto, que vai pola quinta edición e que, unha vez máis, estará organizado pola Concellería de Promoción
Económica, sendo novidade este ano a incorporación do departamento local de Cultura.
A idea dos seus promotores é ir alén de todo o acadado en 2007 en materia de éxito de público e participación e, polo de agora, todo indica a que así será: dende que se abriu o prazo para a presentación de pezas (o 14 de abril), xa se presentaron máis de 600.
Entre as incorporacións máis salientables desta edición 2008, atopamos as seguintes: medre na contía dos premios e posta en marcha dunha categoría específica para premiar as melloras curtas feitas no conxunto do Estado. Outro punto forte a destacar este ano: a cuarta edición, dentro de Curtocircuíto, do concurso de guións para curtas Compostela Plató, que terá como recoñecemento final a produción do libreto gañador, rodado en Compostela ao longo deste verán.
Por outra banda, cómpre sinalar que en boa medida manterase a estrutura básica de desenvolvemento do festival, con actividades de todo tipo e as proxeccións ao ar libre do apartado Curtocircuíto na Rúa, os xoves de xullo e agosto ata chegar, do 17 ao 24 de outubro, á Semana Oficial do Festival.