A remasterización do primeiro Gears of War destaca entre as novidades de Game Pass

martes, 19 de agosto do 2025 Redacción

Xbox anunciou as novas incorporacións que se suman a Game Pass durante as vindeiras dúas semanas. Na semana do 18 de agosto chegan títulos como Blacksmith Master, en versión Game Preview para PC, no que o xogador debe xestionar unha forxa medieval desde a extracción de minerais ata a creación de armas, armaduras e utensilios. O mesmo día incorpórase Void/Breaker, un roguelite de acción en primeira persoa no que cómpre enfrontarse a unha intelixencia artificial que atrapa o protagonista en bucles de morte e repetición, cun sistema de disparos frenético e modificación avanzada de armas.
O día 20 será a quenda de Goat Simulator Remastered, xa optimizado para Xbox Series X|S e agora dispoñible en Game Pass Standard, que recupera a súa xogabilidade caótica con gráficos mellorados e todo o contido adicional publicado. Ese mesmo día tamén se incorpora Persona 4 Golden, accesible en nube, consola e PC, unha das entregas máis coñecidas da saga xaponesa que combina misterio, amizade e unha trama de investigación.
Pechando a semana, o 21 de agosto, estará dispoñible Herdling, que se poderá xogar día un en Game Pass e propón unha viaxe alpina acompañando a un rabaño de criaturas entrañables en busca dun misterio agochado na montaña.
Na semana seguinte, o 26 de agosto, chegará un dos títulos máis agardados: Gears of War: Reloaded. Trátase da remasterización do primeiro Gears of War, desenvolvida con Unreal Engine e optimizada para as plataformas actuais. Inclúe todo o contido adicional publicado no seu día, con mapas multixogador, personaxes, elementos cosméticos e un acto extra da campaña.
Finalmente, o 28 de agosto incorporarase Dragon Age: The Veilguard, que tamén estará dispoñible dende o día un en Game Pass a través de EA Play. Este novo xogo de rol para un xogador convida a formar a Garda do Veo e desafiar os deuses nun mundo que precisa ser salvado.