A semana que vén bota a andar a Liga Galega de Pokémon 2025

mércores, 22 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

O Obradoiro Dixital Galego convoca para o vindeiro 29 de xaneiro ás 22:30 horas na canle de Twitch en Galego a 1ª xornada da Liga Galega de Pokémon 2025, «o primeiro encontro entre Pokémon capturados na nosa terra».
Estamos ante unha competición de acceso público para adestradores de Pokémon, co obxectivo de facer comunidade entre seareiros desta franquía que falen galego, sexan maiores de idade e conten con acceso á Rede para poder participar.
Esta liga desenvolverase tirando proveito de Pokémon Showdown, páxina web que facilita a competición sen precisar de aparello ningún nin subscricións (é totalmente de balde) e funcionará coas normas da primeira xeración do Pokémon Stadium.
Preténdese que a Liga Galega de Pokémon 2025 se desenvolva até o 30 de xuño (segundo reflicten as normas que poden consultarse en liña), con retransmisións a través de Twitch para que calquera poida seguir os enfrontamentos, comentar as xogadas e, en definitiva, divertirse.