A semana que vén chega Saros a PlayStation 5

venres, 24 de abril do 2026 Redacción

Arjun Devraj (Rahul Kohli) é o protagonista de Saros, un axente de Soltari que se interna en Carcosa, un mundo mutante cheo de perigos, segredos e inimigos implacables nun xogo que combina acción en terceira persoa cun ritmo vertixinoso no que os disparos constantes, a esquiva e a lectura de patróns inimigos marcan cada enfrontamento.
Housemarque retoma a fórmula que perfeccionou durante décadas e evoluciona o estilo visto en Returnal, apostando por combates intensos con abundancia de proxectís e batallas contra xefes de gran espectacularidade. O xogador dispón dun arsenal tecnolóxico variado que se combina con habilidades e mecánicas defensivas para manter o control no caos.
A estrutura do xogo baséase en ciclos nos que cada morte non implica un reinicio total. O progreso é permanente grazas á adquisición de armas e melloras que evolucionan co tempo. Cada partida presenta un mundo distinto, mais os recursos acumulados permiten avanzar con maior solvencia.
Carcosa preséntase como un escenario onírico, con ruínas ancestrais e tecnoloxía alieníxena, onde a narrativa tamén xoga un papel relevante. O percorrido inclúe espazos como rúas futuristas ou interiores cargados de simbolismo, mentres a historia explora o custo do poder e a inestabilidade mental do protagonista. As alucinacións e a paranoia afectan incluso ás relacións con outros membros de Echelon IV.
O sistema de combate amplíase con múltiples tipos de armas, incluíndo opcións como o chakram ou o Rayo do lucífero, que poden variar en cada ciclo. Os enfrontamentos contra xefes supremos forman parte central da experiencia, cun deseño orientado á aprendizaxe e á superación progresiva.
Os chamados modificadores carcosianos permiten adaptar a dificultade. Existen opcións para facilitar a experiencia, como incrementar o dano ou mellorar o escudo, e tamén para endurecela, introducindo limitacións como o desgaste das armas ou a eliminación de certas vantaxes. Este sistema busca equilibrar accesibilidade e desafío sen alterar a base xogable.
O título incorpora diversas funcións de accesibilidade desde o lanzamento, entre elas opcións para usuarios con daltonismo, reasignación de controis e modos de enfoque nos diálogos. O equipo ten previsto ampliar a información sobre estas características tras a estrea.
No apartado técnico, Saros está deseñado para aproveitar o hardware de PlayStation 5, con tempos de carga case instantáneos grazas ao SSD e uso do audio 3D Tempest para crear unha experiencia inmersiva. A retroalimentación háptica e os gatillos adaptativos do mando DualSense teñen un papel relevante, permitindo percibir con precisión o comportamento das armas e o impacto do combate.
A versión para PlayStation 5 Pro incorpora melloras adicionais, como unha maior resolución base e unha versión actualizada do sistema de reescalado PSSR, que ofrece unha imaxe máis nítida próxima ao 4K nativo. O rendemento mantense en 60 fotogramas por segundo durante o xogo, mentres que certas secuencias narrativas priorizan a calidade visual.
A ambientación sonora, cunha banda sonora que combina electrónica e drone metal composta por Sam Slater, reforza o ton escuro da proposta. O desenvolvemento contou tamén coa colaboración do novelista gráfico Ram V na creación do universo narrativo.
Saros estará dispoñible o 30 de abril, con opción de acceso anticipado de 48 horas para quen adquira a edición dixital de luxo.

Tráiler de lanzamento de Saros