A televisión dixital de R incorpora un lector de novas

martes, 9 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O servizo de televisión dixital de R vén de incorporar unha interesante prestación, pois integra no seu sistema de información en pantalla un sistema de lectura de novas que fai que mentres estamos a ver a televisión non teñamos que ir ata o ordenador para consultar as últimas novas.
Agora, na Guía Electrónica de Programación (EPG) aparece unha sección chamada Noticias con varias categorías (Última hora, Deportes, Música…) que nos achegan unha breve descrición de informacións publicadas na prensa electrónica e que podemos ampliar seleccionándoas.
O menú de novas pódese configurar ao gusto do usuario, para elixir os medios preferidos, e incluso permite engadir fluxos RSS de blogs ou outros medios que non se inclúan por defecto. Mesmo se pode configurar o sistema para que cada 30 minutos saian en pantalla os titulares da fonte de novas que se indique.
Con esta nova función a plataforma televisiva de R demostra que o televisor pode dar moito xogo, e non limitarse a servir coma método pasivo de recepción de información, aínda que é unha mágoa que coa TDT non se estean a promover este tipo de solucións (e os servizos baseados en MHP sexan practicamente invisibles para o público).

O EPG permite seleccionar as fontes de información preferidas

As novas pódense leer en formato ampliado