A transformación dixital é o principal reto a curto prazo para as empresas galegas

venres, 22 de marzo do 2019 Redacción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Foro Empresa Lugo, organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), que a transformación dixital é o principal reto a curto prazo para a grande maioría das empresas galegas, apuntando que neste e noutros eidos a misión das Administracións é crear o sustento institucional, normativo e mesmo ambiental para que a iniciativa empresarial se desenvolva con todas as garantías e para que a capacidade para emprender non se esgote.
Neste sentido, defendeu que as institucións teñen que ser colaboradores activos do tecido empresarial, e destacou a cooperación que están prestando os empresarios de Lugo xunto ao resto de axentes socioeconómicos da Comunidade. Un traballo en equipo que, segundo subliñou, está permitindo incentivar o investimento, a través de medidas como a Lei de implantación empresarial, e a figura dos Concellos Emprendedores, dos cales 19 son de Lugo, e que contan con preferencia en diferentes ordes de axuda.
Nesta provincia, Conde puxo como exemplo da cooperación entre empresas e institucións a Business Factory Aero, que se pon en marcha coa Fundación CEL e que está a levantar unha gran expectación, con 54 proxectos presentados á primeira convocatoria.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria subliñou tamén que, grazas ao traballo en equipo, se está creando novo tecido empresarial, e así, o ano pasado constituíronse preto dun 12% máis de empresas, lembrando tamén que Lugo é a provincia galega onde máis baixou o desemprego.
Por outra banda, entre as potencialidades que Lugo está sabendo desenvolver Conde referiuse, ademais de ao polo aeroespacial, a sectores como o forestal ou as enerxías renovables, lembrando que nestes momentos hai 12 parques eólicos en construción.
Na súa intervención, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que para que ningunha iniciativa se quede no caixón por falta de financiamento, Galicia conta este ano cun plan de financiamento empresarial, co que se facilitará financiamento a 800 proxectos de emprendedores, microempresas e PEME grazas a un orzamento de 100 millóns de euros.
Tal e como se informou no Consello da Xunta desta semana, con esta achega, a Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé mobilizar máis de 290 millóns de euros a través de instrumentos financeiros que contribúen á creación de empresas, o crecemento das pequenas e medianas compañías no ámbito da Industria 4.0 e o apoio á dixitalización e as actividades de innovación.
Entre as novidades que inclúe o plan, destaca o novo programa de préstamos para o financiamento de proxectos estratéxicos, destinado a iniciativas de entre 1,5 e 10 millóns de euros. Dotada cun orzamento de 16,5 millóns de euros, a través desta nova liña prevese apoiar 20 proxectos que mobilizarán 33 millóns.
Ademais, dentro das axudas facilitadas polos instrumentos financeiros innovadores (IFI), incorpórase unha nova liña de préstamos destinada ao sector turístico (IFI Tur), que complementa as xa activas IFI Industria 4.0, IFI Emprende e IFI Innova, e que está destinada a proxectos de PEME que realicen un investimento de ata 1,6 millóns de euros.

PUBLICIDADE