A triloxía de Crysis faise compatible con Xbox One

mércores, 17 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Unha das principais vantaxes que ten a Xbox One é, sen lugar a dúbidas, o contar con retrocompatibilidade coas consolas anteriores, de xeito que non hai que agardar a unha remasterización dos vellos xogos para gozalos nunha consola da xeración actual, aínda que a listaxe de xogos compatibles con esta funcionalidade non é absoluta, xa que precisa de autorización do seu editor e de certas adaptacións, de xeito que vai facéndose de xeito progresivo.
Esta semana a listaxe de xogos retrocompatibles para Xbox One está a experimentar unha actualización impresionante por incluír de vez a grande triloxía de Crytek, composta por Crysis, Crysis 2 e Crysis 3, editados para Xbox 360 entre 2011 e 2013, e que agora poden recuperarse.
Os xogadores que os mercasen en dixital para Xbox 360 poderán gozar deles en Xbox One totalmente de balde, así como os que conserven os discos físicos, pero unha vez incorporados á listaxe de xogos retrocompatibles é moi probable que nas vindeiras semanas estean incluídos nalgunha das rebaixas que preceden ao Nadal, o que será unha boa oportunidade para facerse con estes grandes xogos que no seu día foron todo un referente a nivel técnico.

PUBLICIDADE