A versión fóra de liña de Gmail podería estar nunha fase moi avanzada do seu desenvolvemento

luns, 17 de setembro do 2007 Marcus Fernández

O servizo de correo de Google, Gmail, podería estar próximo de integrarse no servizo Google Gears, de xeito que se poderían consultar os seus contidos fóra de liña como xa se pode facer co lector de fluxos RSS da compañía de Cupertino, Google Reader.
Con este paso, Gmail competiría directamente con solucións de escritorio coma Outlook Express ou Mozilla Thunderbird, continuando cun novo xeito de entender as aplicacións baseadas en web (pois funcionarían mesmo fóra de liña).
Segundo fontes consultadas por Hindustan Times, o Gmail Offline, que se anunciara o pasado 31 de marzo, podería converterse nunha realidade a primeiros de 2008, de xeito que cando os usuarios non estean conectados á Internet poderán seguir a consultar o seus correos, así coma escribir mensaxes novas.
Este modelo podería pasar a aplicarse a máis servizos de Google, incluíndo o seu sistema de publicación de blogs, Blogger, ou mesmo Google Docs, co que incrementarían a competencia con solucións ofimáticas tradicionais.