A vindeira fin de semana celebrarase a segunda edición de RetroVigo
martes, 18 de setembro do 2018
Como adiantamos
hai un par semanas, a asociación Retro Galaicos
está a preparar unha segunda edición de RetroVigo, encontro
que terá lugar a vindeira fin de semana na Aula D
na Rúa Elduayen, nº 36 de Vigo (con acceso polas escaleiras da Baixada do Forte),
e que nesta ocasión busca render tributo á informática clásica e aos videoxogos
coa vista posta nun xénero que causou furor nos salóns recreativos: os beat’em up.
Este encontro para os afeccionados ao mundo do retro xa ten o
seu programa de actividades, que comezan o sábado 22 ás 10:30 horas cun
torneo continuo de Streets of Rage 2.
A sesión de mañá pecha cun par de charlas: unha ás 12:00 horas titulada Beat’em Up, yo contra el barrio, con Jacobo
e Galo Martínez, que farán un repaso ás orixes e os títulos máis destacado do
xénero a reivindicar; e ás 13:00 horas terá lugar a charla Beat Me Down, el puño de las compañías en la cara del jugador,
impartida por Andrés de Pedro, presidente de Retro Galaicos.
Pola tarde as actividades retómanse ás 16:00 horas con competicións amigables.
Ás 17:30 horas unha charla da profesora Patricia Otero e a psicóloga Lara López
(membros do Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía, GRISAMP)
achegaranos ao proxecto de
gamificación aplicada ao envellecemento activo GAMAPEA (iniciativa
participada pola Fundación Ramón Domínguez, Imatia Inovation, SIVSA e Gradiant).
Os torneos rematarán ás 20:30 horas, cando entregaranse os premios do torneo de
Streets of Rage 2, manténdose as
portas do recinto abertas até a medianoite.
Na xornada do domingo non hai actividades formais programadas, pero o recinto
estará aberto de 10:30 a 14:00 horas, facilitando así que os que o desexen poidan
achegarse a ver as exposicións e botar unhas partidas fóra de competición, como
é habitual neste tipo de encontros.