A vindeira grande estrea de Netflix poderase ver en cine en Narón

luns, 10 de maio do 2021 Marcus Fernández

A relación entre a industria cinematográfica e as plataformas de streaming foi bastante complicada nos últimos meses, dando a impresión de que o vídeo baixo demanda estaba a ser o verdugo das salas tradicionais, pero esa non parece ser a intención, e como boa mostra diso temos que a película Ejército de los Muertos, que estrearase en Netflix o vindeiro día 21, vai ter unha estrea masiva en cines norteamericanos o vindeiro día 14, mentres que en Galicia tal estrea limitarase aos cines de Odeón en Narón.
Non é a primeira vez que filmes de Netflix chegan ás salas cinematográficas, pero desta volta sería a estrea máis ampla nos EE.UU. con 600 salas, superando amplamente ás 250 salas de Roma e ás 550 salas de El Irlandés, o que resulta especialmente rechamante no contexto sanitario actual, no que as salas de exhibición aínda non recuperaron a normalidade.
Ejército de los Muertos é unha película de Zack Snyder protagonizada por Dave Bautista, polo que pode entenderse como un claro blockbuster ambientado temporalmente antes de Amanecer de los muertos, outra obra de Snyder dentro do xénero de zombis. A súa estrea en cines atendería a unha estratexia a longo prazo de Netflix, que considera interesante ofrecer aos espectadores a posibilidade de ver en primicia en pantalla grande algunha das súas producións, aínda que a fiestra de protección sexa extraordinariamente reducida (unha semana). Queda agora por ver se hai moitas salas de exhibición que acepten esta proposta, pois o feito de que en Galicia só vaia estar presente a nova creación de Snyder nun cine deixa claras as reticencias das grandes distribuidoras a asumir as condicións de Netflix.

JPEG - 147.1 KB
Ejército de los Muertos é a historia dun grupo de mercenarios que aproveita unha infección zombi para organizar un grande roubo

PUBLICIDADE