A web do Grupo Chévere entra no ranking internacional de Web Design

xoves, 15 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Seguimos a dar conta de innovación galega con potencial de abondo para facer mercado alén das nosas fronteiras. Desta volta ollamos cara a Vigo, base de operacións do estudo Desoños, que vén de anunciar o seu regreso á publicación anual Web Design Index coa súa páxina web para o Grupo Chévere, colectivo teatral responsable entre outras moitas achegas das moi celebradas Ultranoites da Sala Nasa ou das actividades de teatro da divulgación do coñecemento inseridas en edicións previas da Semana da Ciencia.
A dita empresa galega de deseño web, que conta xa con máis de 9 mencións neste índice de prestixio internacional (no que Desoños concorre por quinto ano consecutivo cun dos seus proxectos), basea o seu labor na procura dunha “solución idónea en cada caso, desenvolvéndoa no medio máis axeitado”.
Con este fin, dispón de varios departamentos centrados de maneira específica nas seguintes tarefas: identidade corporativa, gráfica aplicada, deseño multimedia, programación, estratexia, planificación, marketing, publicidade, deseño de espazos e exposicións, packaging.

PUBLICIDADE