A web hoynofumo.com e os seus consellos para deixar de fumar chegan ós dispositivos móbiles

xoves, 2 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Agora que o tabaco vai camiño de converterse en substancia ilegal e tan socialmente incorrecta como o haxix (mentres unha parte dos medicamentos que se poñen á nosa disposición son igual ou máis velenosos), proliferan máis ca nunca os servizos de axuda a fumadores que estean en proceso de deixar o seu hábito, tal e como boamente lles aconsellan cada día as administracións.
Ironías aparte, non lle falta interese ó proxecto piloto do videoportal HoyNoFumo, servizo baseado nos contidos multimedia da web do mesmo nome que puxo en marcha o Plan Integral de Tabaquismo do Goberno de Andalucía.
O videoportal, que conta coa achega tecnolóxica de IT Deusto e a infraestrutura de Telefónica, ten o seguinte gran obxectivo, deducible sen problemas do seu nome: fomentar os hábitos saudables entre a sociedade a través das novas tecnoloxías. Polo que respecta ó “modo de emprego”, o videoportal é por así dicilo un paso máis no que se refire á accesibilidade da web do devandito Plan Integral.
Ou sexa: que o proxecto gaña en dinamismo, saíndo dos computadores e de Internet para meterse de cheo nos teléfonos móbiles, empregando tecnoloxía 3G videochamada que permite acceder ós datos sobre o tabaco mediante un sistema multicanle e multidispositivo. Polo tanto, recibiremos a información albergada no Plan Integral a través dunha chamada telefónica e navegando logo coa axuda das teclas do teléfono.
O sistema, sinala IT Deusto, pode ser exportada a calquera outro plan ou Administración que teña necesidades de comunicación semellantes cos cidadáns.

PUBLICIDADE