A webserie A Partida estréase na Pobra do Caramiñal

venres, 5 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Este sábado ás 21:00 horas o Teatro Elma na Pobra do Caramiñal acolle a estrea da webserie A Partida, un proxecto de Vou Films que antes de poder verse a través da Internet estrearase en distintas localizacións galegas comezando pola vila na que se realizou integramente a súa rodaxe.

Na xornada de mañá, de entrada libre até completar aforo, poderanse ver os 2 primeiros capítulos (dun total de 5), para achegarse así a esta creación que contou con Lois Basallo na dirección, e que contou coa participación de actores de sona como Miro Magariños, Quico Cadaval, César Cambeiro, Fran Lareu, Andrés Giraldez ou Marcos Orsi, a quen acompañan figuras emerxentes como Ánxela Ríos e Claudia Basallo, a quen tamén podemos ver actualmente na serie televisiva O Sabor das Margaridas.

Ánxela Ríos é unha das novas promesas do audiovisual galego que traballa nesta produción

A Partida conta a historia de 4 homes e 2 mulleres aparentemente descoñecidas entre si que coinciden nunha partida clandestina de póker na procura dunha oportunidade para refacer as súas vidas.

A través de flashbacks irase coñecendo o pasado dos protagonistas, para saber como acabaron nesa situación e facilitando a comprensión do seu proceder segundo vai desenvolvéndose o xogo.

Fran Lareu, Angrés Giraldez e Miro Magariños son algúns dos coñecidos actores que participan nesta produción na que Vou Films leva investido 10 meses de traballo

PUBLICIDADE