A webserie Peter Brandon estrearase na Rede o vindeiro domingo

mércores, 13 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Peter Brandon. Unha vida pola comedia é a terceira serie de Porco Bravú, que puido facerse realidade grazas a facerse co Premio ao mellor proxecto de webserie en galego do Carballo Interplay 2016, pero curiosamente, pese a ser un proxecto orientado á súa distribución en liña, a súa traxectoria por distintos festivais está a adiar a súa estrea en liña, que finalmente será o vindeiro domingo dun xeito moi especial, xa que, en vez de publicarse os contidos directamente para a súa reprodución baixo demanda, a emisión realizarase mediante un stream en directo a través de YouTube.
Dende Porco Bravú quixeron facer unha estrea en liña moi especial, de xeito que o día 17 ás 12:00 horas realizarán catro pases do primeiro capítulo de Peter Brandon, o falso documental protagonizado por Pedro Brandariz, completando as distintas retransmisións con conexións en directo antes e despois co equipo técnico que fixo posible esta produción e que responderá a preguntas a través de Facebook, Twitter e Instagram, onde conversarán a través dos cancelos #PeterBrandon e #BrandonDay.

Pedro Brandariz durante a presentación da webserie a pasada edición do Carballo Interplay

En Peter Brandon podemos ver numerosas caras coñecidas do panorama audiovisual galego, como María Tasende, Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, María Costas, Evaristo Calvo, Isabel Risco ou Daniel Vilaverde, e incluso chega a introducirse na propia gala dos Premios Mestre Mateo, reforzando este formato no que quere amosarse a face máis triste do humor ao seguir os pasos de Pedro Brandariz na súa reformulación artística como Peter Brandon.

No Carballo Interplay 2017 puideron verse os primeiros episodios de Peter Brandon, webserie que pasou logo polo Teatro Rosalía da Coruña e o Teatro Principal de Pontevedra

Vídeo no que explican como será a estrea en liña de Peter Brandon o vindeiro domingo

PUBLICIDADE