AC/DC estrea o primeiro vídeo musical nunha folla de cálculo de Excel

venres, 24 de outubro do 2008 Marcus Fernández

O pasado día 21 de outubro o grupo AC/DC lanzou ao mercado o seu novo disco tras 8 anos de silencio, Black Ice, e aínda que non parezan ser moi amigos da Internet (pois se esforzaron en impedir que iTunes distribuíse o seu álbum) quixeron aproveitar o poder da web para dar a nota dun xeito moi peculiar, xa que publicaron na súa web un documento de Microsoft Excel con ligazóns ás 15 cancións do novo disco e no que se pode reproducir unha versión especial do videoclip da canción Rock N’ Roll Train a xeito de ASCII Art, ou sexa, a moi baixa resolución e coas imaxes representadas por carácteres de texto.
Dende a web da banda aseguran que Rock N’ Roll Train sería o primeiro vídeo musical nunha folla de cálculo de Excel, o que sería toda unha «gloria en baixa definición». Esta iniciativa resulta bastante orixinal (pese a que a reprodución de vídeos mediante ASCII Art ata é unha función do reprodutor de vídeo VLC, entre outros) e podería ter certo éxito entre o público mozo, que verá como unha vella banda de rock é capaz de innovar.
Grazas a YouTube tamén é posible ver a curiosa versión do vídeo musical sen ter que descargar o ficheiro de Excel (nin reproducir uns contidos no mesmo que poden dar problemas nalgúns equipos por mor das directivas de seguridade da aplicación):