AEPD alerta da primeira denuncia imposta por suplantación da personalidade nunha rede social

venres, 13 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), no marco da presentación dun estudo sobre Privacidade de datos persoais nas redes sociais que levaba a cabo en colaboración co Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO), fixo pública a primeira denuncia imposta por un cidadán debido a unha “suplantación da súa personalidade” nunha destas ferramentas en liña.
O informe presentado por AEPD, que se centra maoioritariamente na análise da seguridade informática e nos posibles riscos para os dereitos dos usuarios en materia de propiedade intelectual, indica que ata o 44,6 por cento dos internautas españois emprega estes servizos e que 7 de cada 10 usuarios son menores de 35 anos.
O estudo, asemade, alerta da existencia de tres momentos críticos para a privacidade e protección de datos persoais dos usuarios, que son: o momento de rexistrarse, cando desenvolven a súa actividade na rede e cando pretenden darse de baixa no servizo.
Os datos que os usuarios teñen que aportar para pasar a formar parte deste tipo de redes sociais supoñen, as máis das veces, un perigo para a intimidade dos usuarios, ao descubrir información que logo pode ser usada por spammers, espías e outros individuos interesados en utilizalos de xeito ilexítimo.
Neste senso, AEPD vén de sancionar a captación e publicación de imaxes de terceiros en plataformas de Internet sen o seu consentimento.
Outros riscos para o usuario das redes sociais que se detallan no informe, ademais da suplantación de identidade, son a instalación e emprego de cookies sen o coñecemento do usuario (o que permite almacenar información sobre o mesmo e os seus hábitos de navegación) e a xeración de spam dirixido ao resto de usuarios da rede.
Asemade, o estudo indica que no momento de darse da baixa, o usuario pode atopar dificultades e incluso seguir tendo datos publicados por outros usuarios que aínda manteñen o servizo.
Nembargantes, e pese aos perigos aos que se expoñen os usuarios das redes sociais na actualidade, o informe destaca que en relación á distribución non autorizada de contidos a través das súas plataformas, as redes sociais, como medio de colaboración veñen de facerse con mecanismos automáticos para que os propios usuarios procedan á autorregulación dos contidos que desexan que existan na rede social. Para iso, permítese “denunciar” internamente contidos que non cumplan coas condicións de rexistro da plataforma ou que atenten tanto contra os dereitos que ostentas os usuarios sobre as súas obras de propiedade intelectual, como contra os de terceiros.
As pautas a seguir que recomenda AEPD para entrar a formar parte de calquera rede social son, entre outras, non publicar nos perfiles excesiva información persoal e familiar, non aceptar solicitudes de contacto de xeito compulsivo ou implantar sistemas que faciliten a comprobación da idade dos usuarios que intenten acceder ao servizo.