AGESTIC impulsará o Camiño Primitivo polo vieiro dixital

luns, 16 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 84.8 KB
Un treito do Camiño Primitivo achegado por The Travel Magazine

AGESTIC, a Asociación Galega de Empresas TIC, vén de pór en marcha unha iniciativa pada divulgar o Camiño Primitivo de Santiago, o que está vertebrado por Lugo e a súa provincia, dende a innovación e as tecnoloxías. O obxectivo da entidade é darlle a meirande proxección ao itinerario, tendo en conta os importantes tesouros da súa paisaxe histórica, cultural, ambiental, turística e tecnolóxica.
As actividades de impulso e visualización terán lugar na propia cidade da Muralla, buscando a participación de todos os concellos implicados a través das canles municipais informativas, tanto nos espazos de Internet públicos e privados, como nos blogs que tratan o Camiño, como nas redes sociais que serán creadas baixo o nome Lugo Centro do Camiño Primitivo.
O proceso implicará a apertura dun rexistro de membros, cidadáns dos concellos, asociacións culturais e amigos dos itinerarios xacobeos, entidades sociais, asociacións empresariais, rurais e cidadás. Todas elas serán convidadas a contribuír ao proxecto coas súas ideas e opinións, sendo “as protagonistas finais da iniciativa”.
As xornadas celebraranse en locais da Casa do Saber.
O día 18 de outubro haberá unha xornada de participación cidadá, en horario de 16.00 a 20 horas, con dúas mesas redondas: a primeira tomándolle o pulso á opinión da sociedade sobre proxecto e a segunda á dos concellos.
O día 19 celebrarase unha xornada de expertos no Camiño Primitivo e en tecnoloxías dixitais, de 10.00 a a 14.00 horas, tamén con dúas mesas redondas: a primeira sobre patrimonio e cultura no Camiño Primitivo e a segunda sobre tecnoloxías e economía. O obxectivo desta actividade aberta a toda a cidadanía e as entidades sociais é promover o coñecemento e a visibilidade do itinerario lucense botando man das tecnoloxías dispoñíbeis e achegar solucións para iniciativas dirixidas a mellorar a experiencia dos peregrinos e dos turistas en xeral ao abeiro das ferramentas dixitais.
Asemade, trataranse aspectos como o estado do itinerario e as medidas axeitadas para fomentar publicamente o maior coñecemento do Camiño Primitivo de Santiago, ademais de analizar outros aspectos de interese como a restauración do patrimonio, o acondicionamento, a conservación, a seguridade viaria, a repercusión social e económica, etc. A maiores, elaboraranse dúas enquisas que permitirán tanto a peregrinos como a cidadáns avaliar o estado do Camiño Primitivo de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo e filmaranse en vídeo as xornadas para a posterior publicación en redes sociais.

PUBLICIDADE