AGalega.gal estrea A arte de ser (mal) pai

luns, 3 de febreiro do 2025 Redacción

A arte de ser (mal) pai, comedia de Óscar Cruz e Jorge Boquete que triunfou na pasada edición do Carballo Interplay e leva meses percorrendo festivas e proxeccións, vai disparar a súa dispoñibilidade coa estrea en AGalega.gal, onde están dispoñibles os seus tres capítulos.
Esta traxicomedia producida por Miraveo conta cun palmarés impresionante nos festivais máis punteiros do país, como o Premio Mestre Mateo da Academia Galega a Mellor Serie Web e o gran premio do xurado en Serielizados, o festival de series máis importante do Estado.
Ademais de conquistar España cunha serie en galego, as aventuras da pequena Clara tamén emocionaron ao público internacional en festivais tan importantes como o Marseille Web Fest (a cita máis importante de Europa para as series dixitais) ou en países como República Checa, Chile ou Perú.
Os creadores comparten a alegría das primeiras críticas: «A xente xa nos pide a segunda temporada. O que máis nos comentan é que non saben se rir ou chorar. Iso é que funciona».
A arte de ser (mal) pai conta a historia dun pai corentón interpretado por Xosé M. Esperante, obrigado a despedirse da súa filla, a novísima e poderosa actriz Jacoba de Llano. Durante os tres días nos que sucede a emocionante historia, os creadores ofrecen unha mirada profunda e conmovedora sobre os desafíos da paternidade e a complexidade do que significa ser adolescente neste mundo moderno. Protagonizada por Xosé M. Esperante e Jacoba de Llano, xunto as interpretacións de grandes actores e actrices como Marita Martínez, Sabela Arán, Fede Pérez ou María Costas.

Dende a pasada fin de semana a webserie pode verse en AGalega.gal