AI.com podería ser o dominio de Internet máis caro da historia

venres, 6 de febreiro do 2026 Redacción

Kris Marszalek, cofundador e conselleiro delegado da plataforma de negociación de criptomoedas e accións Crypto.com, comprou o dominio AI.com por 70 millóns de dólares, cifra que supón o prezo máis alto publicamente divulgado por un nome de dominio ata a data.
A adquisición, pechada o pasado abril e realizada integramente en criptomoedas, converteu AI.com nun dos activos dixitais máis caros da historia e sinala un movemento estratéxico de Marszalek para posicionarse no crecente sector da intelixencia artificial.
O lanzamento público do sitio web e da iniciativa está programado para o vindeiro domingo cun anuncio durante a Super Bowl LX, un dos espazos publicitarios máis vistos a nivel global, nunha campaña que busca presentar AI.com como unha plataforma de intelixencia artificial orientada ao gran público, aínda que vendo de onde vén este proxecto será difícil depositar moita confianza no mesmo.
AI.com debutará con ofertas para xerar axentes de intelixencia artificial persoais que, segundo a empresa, poderán organizar traballo, enviar mensaxes e executar accións a través de aplicacións electrónicas en nome dos usuarios. A plataforma combinará opcións gratuítas con subscricións de pagamento e pretende diferenciarse por operar baixo permisos explícitos e con control de privacidade dos usuarios.
Marszalek seguirá como director xeral tanto de Crypto.com como de AI.com, e a compañía avanza que o lanzamento é só o principio dunha aposta máis ampla por ferramentas baseadas en IA e por integrar capacidades flexibles e accesibles a non expertos no uso desta tecnoloxía.