AMTEGA reclama ao Goberno que recoñeza o dereito do rural galego á telefonía móbil
mércores, 3 de decembro do 2025

- Julián Cerviño, director da axencia autonómica AMTEGA
A Xunta de Galicia, a través da axencia autonómica AMTEGA, insistiu en que a telefonía móbil debe ser considerada polo Goberno do Estado como “un servizo universal” nos concellos rurais, “para non estar sometida a súa despregadura soamente aos criterios de rendibilidade das operadoras”.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentou ao Goberno central as consideracións a ter en conta na futura regulación do servizo universal de telecomunicacións, en resposta á consulta pública aberta polo Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública.
Lembrou que “na actualidade están considerados como parte do servizo universal as comunicacións fixas con capacidade de banda larga a unha velocidade mínima de 10 Mbps e os servizos de comunicacións vocais nunha localización fixa”.
No documento remitido este mércores 3 de decembro ao Ministerio, a Xunta volve solicitar que a telefonía móbil de voz e datos sexa incluída no servizo universal, “ao menos nos municipios rurais e noutras zonas xeográficas con características sociais, económicas ou culturais especiais”. Cita como exemplos destas últimas o Camiño de Santiago, os parques naturais ou os grandes acontecementos.
Neste contexto, lembra que “a necesidade de acceso a servizos de emerxencia en calquera situación e o potencial para a dinamización económica do rural fan que os servizos en mobilidade, tanto de datos como de voz, sexan necesarios e imprescindibeis”.
A Axencia autonómica sinala na súa resposta que “é preciso incrementar a velocidade mínima de conexión ata os 100 Mbps, en liña coa Lei Xeral de Telecomunicacións, tendo en conta o mercado actual e o feito de que o programa UNICO Demanda Rural finaliza en 2027”.
Así mesmo, considera “necesario establecer requisitos mínimos de garantía de caudal e calidade, incluíndo velocidade ascendente, latencia, jitter e perda de paquetes”.
Ademais, AMTEGA sostén que “co marco legal actual, o servizo universal só garante cobertura ás persoas físicas en vivenda habitual; por iso trasládase tamén a necesidade de incluír as microempresas, pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e organizacións sen ánimo de lucro como beneficiarias do servizo universal con independencia da súa localización”.
En relación co abono social, destinado a garantir que os consumidores con rendas baixas ou con necesidades sociais especiais poidan acceder aos servizos básicos de telecomunicacións, a Xunta coincide no interese de establecer esta obriga para todos os operadores e de definir o seu marco legal mediante unha normativa específica. Así mesmo, considérase necesario incluír os servizos en mobilidade de voz e datos entre as opcións do abono social.
