ATRESplayer renóvase con máis contidos e podendo contratarse a través de Prime Video

mércores, 5 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Hoxe é o día no que está programada a renovación de ATRESplayer, plataforma audiovisual de Atresmedia, que muda de deseño e tecnoloxía, incorpora máis canles e tamén medra en número de producións, tanto na súa modalidade de balde como na de pagamento, e sorprende tamén por anunciar a súa integración na oferta de canles de Amazon Prime Video, de xeito que os clientes de tal plataforma poden acceder aos contidos de ATRESplayer PREMIUM a través dunha subscrición mensual de 7,99 euros e sen precisar de aplicacións adicionais.
ATRESplayer é a plataforma audiovisual española líder, con máis de 30.000 horas de contido dispoñible, máis de 4.500 horas de novas produción ao mes e 5 millóns de usuarios únicos ao mes, posición que pretende consolidar con medidas como unha maior oferta de contido en aberto, entre os que estaría a incorporación de 10 novas canles lineais de balde: as temáticas Clásicos, Multicine, Comedia e Mentes Inquietas; e as específicas Aquí no hay quien viva, El Club de la comedia, Equipo de investigación, Física o Química, El Hormiguero e un Canal Invitado (con contido que irá mudando cada mes).
ATRESplayer tamén integra a canle lineal infantil Kidz e as canles que até o momento xa tiña a plataforma: Antena 3, laSexta, Nova, Neox, Mega, Atresseries, Flooxer, Atresplayer Premium, Onda Cero, EuropaFM e MelodíaFM.
A meirande parte dos contidos desta plataforma están baixo a fórmula de subscrición ATRESplayer PREMIUM, que ten un prezo de 4,99 euros/mes ou 49,99 euros/ano no seu plan individual e de 7,99 euros/mes ou 79,99 euros/ano no seu plan familiar (que soporta até 3 usuarios á vez). Este último plan tamén ofrecerá parte dos contidos en 4K.