AUSAPE fai reconto do acadado nos seus encontros TIC contra a crise

martes, 18 de novembro do 2008 Raquel Noya

O pasado día 12 de novembro tivo lugar no Pazo Municipal de Congresos de Madrid (Campo das Nacións), a X Edición das Xornadas AUSAPE (Asociación de Usuarios de SAP España). Baixo o título de Tic Vs Crisis, os interesados puideron asistir a dúas interesantes mesas de debate nas que se tratou este tema dende diferentes perspectivas. Nelas participaron importantes cargos de institucións como Fundetec, ICD e Gartner, así como expertos e persoal directivo de empresas como SAP, Informática El Corte Inglés, Seidor ou T-Systems, que deron unha visión máis persoal e práctica sobre este tema.
Como anunciamos en Código Cero no seu día, un dos puntos máis álxidos destas xornadas veu da man da entidade Médicos Sen Fronteiras, que amosou a súa experiencia explicando os detalles do seu proxecto de despegue dunha solución financeira internacional e as leccións aprendidas dende un punto de vista da calidade das implantacións.
Nesta X Edición das Xornadas AUSAPE, puxéronse sobre a mesa termos como “innovación”, “certificación”, “calidade”, “optimización”… todos eles abandeirados polo emprego intelixente das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TICs) como motor de progreso e unha alternativa probada para acadar importantes aforros de custes, tanto para a empresa privada como para a Administración Pública.
No acto tamén se falou sobre “a gran diversidade existente”, con zonas que seguen a manter un elevado nivel de medre, como India, Rusia ou China, ou mercados como o do software e as telecomunicacións sobre os que non se prevé un descenso significativo durante o vindeiro ano, “ao contrario dos que se vaticinan para o mercado do hardware e os servizos”.

PUBLICIDADE