Abanca lanza a 12ª edición do seu Programa para Startups

mércores, 8 de abril do 2026 S. P.

Abanca abriu o prazo de inscrición para participar na duodécima edición do Programa para Startups de Abanca Innova. Todas as novas firmas innovadoras interesadas en postularse a esta convocatoria teñen de prazo ata o próximo 12 de maio para presentar en liña a súa candidatura.
De acordo coas bases, as startups candidatas deben contar cunha sociedade constituída e un produto no mercado, aínda que sexa en etapas temperás. Ademais, deben dispoñer dun equipo formado con capacidade para escalar e facer crecer o seu proxecto, e adaptalo a contornas reais de proba.
Nesta nova convocatoria, o programa de Venture Client de Abanca Innova pon o foco en propostas tecnolóxicas que incorporen as últimas tendencias en intelixencia artificial, criptomoedas e procesos de tokenización, con potencial para transformar o sector financeiro.
En concreto, abre oportunidades para innovar, a través de formación e contornas de proba controladas, en ámbitos como a xestión de riscos e compliance, mercadotecnia, procesos de tecnoloxía, mellora de eficiencia, ciberseguridade e sostibilidade. No entanto, tamén se valorarán solucións que, aínda que non encaixen directamente con estes desafíos, poidan xerar impacto na industria bancaria.
As firmas seleccionadas participarán nun obradoiro durante o mes de maio, onde traballarán xunto a equipos internos de Abanca na exploración de casos de uso das súas propostas. Logo, aquelas que superen esta etapa inicial pasarán á fase de bootcamp (do 26 de maio ao 16 de xuño), onde se definirá en detalle o piloto, estudaranse os custos asociados e analizaranse as necesidades técnicas para a implementación dunha proba de concepto (PoC, polas súas siglas en inglés) co banco.
Os proxectos que teñan viabilidade poderán testar a súa achega de valor de forma rápida e a baixo custo mediante esta proba de concepto, que se desenvolverá nunha contorna real e controlada xunto a unidades de negocio de Abanca.
O Programa para Startups de Abanca Innova chega á súa duodécima edición. Desde a súa posta en marcha, aplicaron a este programa de Venture Client un total de 986 startups. Delas, 443 propostas foron analizadas por directivos e profesionais de Abanca, obtendo como resultado 25 probas de concepto co banco.
Alén do acompañamento por parte de profesionais de distintas áreas do banco e da colaboración de HubIN, compañía especializada en innovación e emprendemento, o programa ofrece acceso aos espazos de traballo colaborativo de Abanca Innova na Coruña e Vigo, así como a posibilidade de participar en actividades de investimento dentro do ecosistema nacional de emprendemento.