Aberta a nova convocatoria do coworking de Barro para persoas emprendedoras e innovadoras

martes, 2 de xullo do 2019 Redacción

A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI), co co-financiamento do Fondo Social Europeo, veñen de lanzar a última convocatoria para participar no espazo de traballo innovador e colaborativo do Viveiro de empresas de Barro. A través desta iniciativa de balde darase acubillo, entre setembro e decembro de 2019, a 20 proxectos emprendedores da provincia en fase temperá de desenvolvemento ou creados recentemente. Os pasos para formalizar a inscrición xa se poden facer online. O prazo ficará aberto até os primeiros días de setembro.
Segundo informan a Deputación e a EOI, a través desta convocatoria as persoas beneficiarias disporán dun espazo de traballo gratuíto así como dun programa de asesoramento personalizado impartido por persoal experto, formación para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos e acceso aos laboratorios de fabricación dixital que se atopan no mesmo centro.
En concreto, acompañarase ás persoas emprendedoras ao longo do proceso, desde o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e optimización, axudándoas a validar cadansúas iniciativas de mercado con metodoloxías áxiles, así como a desenvolver as habilidades necesarias para poñelas en marcha. Deste xeito, poranse en marcha sesións de formación sobre Lean Start Up, micromecenado, estratexias de comunicación en redes sociais, creatividade e innovación, plans de mercadotecnia dixital, finanzas, habilidades de comunicación e xestión do talento.
Por outra banda, celebraranse diferentes actividades encamiñadas a potenciar o networking e compartir boas prácticas, contando coa experiencia doutras iniciativas emprendedoras, persoas expertas e empresariado. Amais, como peche da edición celebrarase un Demo Day durante o cal presentaranse os proxectos participantes no espazo coworking.
As e os participantes no espazo de traballo colaborativo terán acceso tamén de maneira gratuíta ao FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da Deputación de Pontevedra, situado no mesmo espazo do viveiro de Barro e que conta cun equipamento de fabricación dixital integrado por: impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, etc. Nestes laboratorios desenvolverase unha completa programación de obradoiros específicos de fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía.

PUBLICIDADE