Abertas as inscricións para o concurso de cosplay do salón Lérez Up 2025

venres, 1 de agosto do 2025 S. P.

A feira Lérez Up, o salón do videoxogo e a cultura friki de Pontevedra, abriu xa as inscricións para unha das súas actividades máis esperadas: o Concurso de Cosplay, que se celebrará o sábado 13 de setembro ás 17.00h no salón de actos do Recinto Feiral. O certame contará con distintas categorías, premios económicos e a participación dun xurado de excepción, formado por tres referentes da escena cosplay nacional: Skullcaramel, Puchiluh e Antifta.
Os premios inclúen un primeiro posto individual ou grupal dotado con 200 €, un segundo premio de 100 € e tres mencións especiais: ao mellor prop, patrocinado por Dixital Marketers (60 €); á mellor confección (50 €); e ao mellor cosplay infantil (merchandising e diploma). As inscricións son de balde e xa poden realizarse a través da web oficial do evento, no apartado de cosplay. O concurso está aberto tanto a cosplayers veteranos como a persoas que se adestran no mundo da caracterización. A competición celebrarase sobre un escenario ante máis de 300 persoas e valoraranse tanto o deseño e acabado dos traxes como a interpretación da personaxe.
En setembro no Recinto Feiral de Pontevedra
O salón do videoxogo e da cultura friki de Pontevedra, o evento Lérez Up, celebrarase os días 13 e 14 de setembro no Recinto Feiral da cidade e contará de novo coa colaboración do Concello de Pontevedra e da asociación Gaming Troop.
O evento confirma “unha edición chea de propostas para todos os públicos”, que van desde torneos de videoxogos ata cosplay, xogos de mesa, actividades de cultura xaponesa e máis.
A zona de xogos de mesa regresa da man da asociación Rotting Pizza con máis contido que nunca: haberá xogo libre, torneos de Catan, Warcrow e Punkapocalyptic (dous xogos de miniaturas de temáticas de fantasía e post-apocalipsis), un obradoiro de pintura, un espazo de prototipos de xogos e creadores emerxentes, e tamén mesas de rol para mergullarse neste tipo de partidas.
Na zona Idol Games, o público poderá participar en xogos de adiviñanzas como audiotrivial, bingotaku, adiviña a personaxe, ou karaoke libre, e moitas sorpresas máis pensadas para a comunidade friki.
Un ano máis, participa a asociación pontevedresa Pontelabs, que promove a filosofía maker, e que traerá ao salón algúns dos seus proxectos feitos con impresoras 3D e ofrecerá un obradoiro para pintar figuras Pokémon, unha actividade pensada para público familiar e amante da personalización.
Repiten asistencia tras o seu paso en anos anteriores Escuadrón SAS cunha zona temática do universo Star Wars, onde o público poderá construír o seu sabre de luz, aprender técnicas de combate Jedi e participar en duelos e torneos intergalácticos.
A programación de videoxogos complétase cunha ampla lista de torneos oficiais, que inclúe títulos tan esperados como Mario Kart World (na nova Nintendo Switch 2), Fortnite, League of Legends, Valorant, Super Smash Bros Ultimate, Just Dance e Tekken 8.