Aberto o prazo de matrícula para formarse no máster en accesibilidade da UOC

mércores, 24 de setembro do 2008 Raquel Noya

Garantir a plena accesibilidade a tódolos cidadáns, independentemente da súa diversidade funcional, é unha materia pendente para case tódolos organismos comprometidos coa Sociedade da Información en ofrecer os seus servizos sen barreiras e de xeito responsable. Isto, amais de facer ás entidades mellores de cara ós ollos dos organismos públicos, tamén permite que estas entidades comprometidas coas persoas que teñen algunha discapacidade, melloren a súa competitividade fronte ás demais empresas do mercado e obteñan maior rendemento polo mesmo traballo.
A plena accesibilidade é, asemade, unha obriga legal para as administracións públicas e para as empresas presentes neste sector, que deben capacitar aos profesionais que forman a súa equipa para facerlles fronte aos novos servizos que vén reclamando a sociedade.
É por isto que a Universidade Oberta de Cataluña (UOC), entidade pioneira na formación superior a distancia a través de Internet, en colaboración con Technosite, empresa da Fundación ONCE especializada en proxectos tecnolóxicos, accesibilidade e empregabilidade, veñen de por en marcha (por segundo ano consecutivo) o Máster UOC-Technosite en Tecnoloxías Accesibles para a Sociedade da Información que, precisamente, ten como obxectivo formar aos asistentes no proceso de construción e desenvolvemento de servizos axeitados a todos e cada un dos cidadáns sen excepcións.
Segundo veñen de anunciar os organizadores, no contexto do máster pódense cursar dúas especializacións de xeito independente. Neste caso, a especialización sobre Desenvolvemento de Contidos Interoperables ten unha duración aproximada de 6 meses, consta de 15 créditos ECTS e os asistentes recibirán un Certificado de especialista expedido pola UOC.
Esta especialización cúrsase integramente en réxime de teleformación a través do campus virtual da UOC, polo que resulta perfectamente compatible co desempeño de calquera outra actividade e pode cursarse dende calquera recuncho do país que teña acceso á Rede.
Asemade, como non podía ser doutra maneira, o deseño da devandita aula virtual e dos materiais facilitados está feito de tal maneira que o máster pode ser cursado por estudantes con algún tipo de discapacidade.
Os contidos fundamentais desta especialización versan sobre a interoperabilidade dos contidos, o desenvolvemento de contidos accesibles para aplicacións web 2.0 e o desenvolvemento de contidos accesibles en dispositivos móbiles, accesibilidade e interoperabilidade de caixeiros automáticos e outras aplicacións, así como accesibilidade e interoperabilidade das plataformas de e-learning, e-governmet ou e-health.

PUBLICIDADE