Activision entrega 21.000 euros a través do seu proxecto Guitar Hero Solidario

luns, 26 de maio do 2008 Raquel Noya

O grupo de rock internacional, Dover.

Nun evento celebrado o pasado xoves 22 de maio, a compañía desenvolvedora, editora e distribuidora de produtos de entretemento interactivo e lecer, Activision, deu a coñecer os nomes dos seis gañadores do seu proxecto Guitar Hero Solidario, unha iniciativa sen arela de lucro que consistía en customizar con deseños propios unha guitarra Les Paul do videoxogo Guitar Hero III: Legends of Rock para a plataforma Nintendo Wii.
A través desta iniciativa, Activision fixo entrega de 21.000 euros en premios a diferentes ONGs representadas por diversos famosos da actualidade nacional.
De entre os 27 proxectos participantes (todos eles dispoñibles na web oficial do videoxogo, a través da que se podía votar para escoller ós favoritos), os gañadores e finalistas do concurso solidario foron:
Gañador - Mago de Oz (Grupo Musical)
Emilio Ortiz (Mago de Oz) recolleu o primeiro premio, un cheque por valor de 6.000 euros para colaborar coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) nun proxecto de rehabilitación da planta de oncoloxía infantil do Hospital 12 de Outubro de Madrid.
Primeiro finalista - Ana Locking (Deseñadora)
Recolleu un cheque por valor de 3.000 euros a favor da AECC.
Segundo finalista - Andreu Buenafuente (Presentador de TV)
Recolleu un cheque por valor de 3.000 euros destinados a colaborar con YAMUNA, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a protección dos menores.
Terceiro finalista -Pablo Motos (Presentador de TV)
Recolleu un cheque por valor de 3.000 euros destinados a axudar ó Comité Español de ACNUR, axencia da ONU en defensa dos refuxiados.
Cuarto finalista -Pilar Rubio (Presentadora de TV)
Esta guapa reporteira da Sexta tamén recolleu un cheque por valor de 3.000 euros para Apsuria, asociación sen ánimo de lucro composta por pais e titores de nenos e mozos discapacitados.
Quinto finalista -Orio Elcacho (Modelo)
Recolleu un cheque por valor de 3.000 euros á Congregación das Irmás Carmelitas da Caridad Vedruna, e o seu proxecto infantil en Albania.
Asemade, no mesmo evento, o grupo Dover dou a coñecer, en primicia para os asistentes, Guitar Hero On Tour, a “revolución musical de Activision para Nintendo DS”, que estará á venda a partires do vindeiro mes de xullo.
O xogo, que conta cun innovador periférico (o Guitar Grip) que simula os trastes dunha guitarra así como cun lapis táctil con forma de púa, inclúe éxitos do pop, rock e a música alternativa de recoñecidos grupos como Nirvana, No Doubt ou Tokio Hotel.

PUBLICIDADE