Adaptan Ghosts’n Goblins ao iPhone

mércores, 11 de novembro do 2009 Marcus Fernández

En 1985 Capcom lanzou un xogo de plataformas para máquinas recreativas no que un cabaleiro con armadura tiña que enfrontarse a mortos viventes, plantas carnívoras, gárgolas e moitos outros monstros, colectando un éxito tal que foi adaptado a múltiples plataformas nos seguintes anos (dende equipos coma o ZX Spectrum ata a Game Boy Advance), e agora rexurde para o iPhone e iPod Touch co título de Ghosts’n Goblins Gold Knights. Esta adaptación véndese a través da App Store por 2,39 euros (oferta de lanzamento en vigor ata o 23 de novembro) e permite elixir entre os personaxes Arthur ou Lancelot (personaxe novo que engade diversidade cun estilo de xogo propio), cos que percorrer 6 fases ao rescate de damas desaparecidas e na procura do segredo da volta dos demos ao mundo.
Como armas empregaranse a espada, a lanza, a frecha e a machada (potenciables mediante maxia), e aínda que a mecánica do xogo parece inmutable, os gráficos actualizáronse e incluso contemplan a posibilidade de mellorar o xogo mediante contido descargable.
Este novo Ghosts’n Goblins está parcialmente traducido ao español, e contrólase con mandos virtuais en pantalla, de aí que reducisen considerablemente o seu nivel de dificultade para que o seu uso coa pantalla táctil non fixese imposible superar os distintos niveis do xogo, que cómpre destacar que non son iguais aos do título orixinal (aínda que si están claramente inspirados nos mesmos). Sen dúbida, unha compra moi atractiva para os nostálxicos, aínda que a súa xogabilidade non sexa boa nesta entrega.

PUBLICIDADE