Adiantan moitas das novidades para Nintendo Switch que chegarán nos vindeiros meses

xoves, 11 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Despois do impresionante ano que viviu a Nintendo Switch, converténdose na plataforma cos mellores xogos de 2017, a compañía nipoa quixo tranquilizar aos usuarios da nova consola dándolles a entender que durante 2018 non van faltar títulos para poder tirar proveito da súa máquina que combina consola doméstica e portátil, polo que celebraron un Nintendo Direct mini por sorpresa no que deron conta de actualizacións e novos contidos que chegarán para os xogos Pokkén Tournament DX, Super Mario Odyssey e Mario + Rabbids Kingdom Battle, así como avanzaron novos títulos que animarán os vindeiros meses.
Entre os novos xogos tempos que, sen unha data definida, en 2018 chegará The World Ends With You – Final Remix, revisión dun xogo de grande éxito en Nintendo DS; en primavera poderemos gozar de Mario Tennis Aces e Hyrule Warriors: Definitive Edition; no verán chegarán ao mercado Ys VIII: Lacrimosa of DANA e un xogo de loita de 2 contra 2 que sorprendeu bastante, SNK HEROINES Tag Team Frenzy, protagonizado por varios personaxes femininos das franquías de loita de SNK que tanto éxito tiveron a finais dos 80 e primeiros dos 90 en salóns recreativos; e logo tamén temos títulos con data como Donkey Kong Country: Tropical Freeze, que chegará o 4 de maio, e Dark Souls Remastered, dispoñible o 25 dese mesmo mes. Deste xeito parece confirmarse a intención de Nintendo de relanzar en Nintendo Switch todos os xogos que tiveron éxito en Wii U, achegándoos así ao moitos usuarios da nova consola que non confiaron en Nintendo na anterior xeración.

O regreso de Dark Souls

A remasterización de Dark Souls é unha magnífica nova para a Nintendo Switch, que confirma así o apoio de estudios externos como From Software, aínda que neste caso falamos dunha revisión dun xogo que non se limitará a esta plataforma, senón que tamén chegará a PlayStation 4, Xbox One e PC, de xeito que nos equipos máis potentes non só poderase gozar o xogo a 60 imaxes por segundo, senón que incluso estará dispoñible en 4K con HDR, para poder revivir este xogo tan representativo do mellor xeito posible.

Vídeo con Nintendo Direct Mini de hoxe

PUBLICIDADE