Advirten da existencia de spam especial con motivo de San Valentín
mércores, 4 de febreiro do 2009
A menos de dúas semanas para que os namorados (e os que non
o están tanto) teñan que rascar os seus petos e botar man da imaxinación para
mercarlle un agasallo íntimo ás súas parellas polo día de San Valentín, os spammers xa están máis que preparados
para molestar cos seus correos non indesexados a todo canto se mova un mínimo
pola Rede.
Symantec,
a compañía encargada de garantir a seguridade e integridade dos equipos
informáticos dos seus clientes, vén de dar conta da existencia dunhas 20
mensaxes distintas que nos poden chegar ás nosas contas de correo electrónico a
propósito dun produto co que poder facer máis felices aos nosos correspondidos
o Día dos Namorados.
Os asuntos que máis se mostrarán por este motivo este ano
son, segundo Symantec, os que seguen:
“Increase your length, the best valentine’s
gift”
“Get it before Valentine’s day and watch her smile”
“Happy Early Valentine’s Day, You have been selected to go on a $1000 Shopping
spree to”
“Your Valentine’s Day is about to get a lot better”
“Enjoy your Valentine’s Day with a Grand Cash from us”
“Great watches for your Valentine”
“Make your Valentine happy with the perfect timepiece”
A compañía advirte a tódalas “persoas románticas” (palabras
textuais) que non abran calquera correo electrónico provinte de persoas
descoñecidas, ou (aparentemente) empresas particulares, se conteñen un “asunto cariñoso”, pois podería tratarse
dunha mensaxe engañosa ou con publicidade non desexada adxunta.
De tódolos xeitos, ben seguro que, en tempos de crise, non
fará falla recibir “ideas tan
extraordinarias” por parte dos suxeitos que nos envían ese tipo de correos,
pois un Rólex o que pode xa o ten e a Viagra… non creo que sexa moi oportuna
como agasallo de San Valentín.
