Advirten de que un programa ruso de flirteo en liña podería propiciar o roubo de identidades

venres, 14 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Na Rede, tamén os programas informáticos semellan ir facéndose o seu propio corazón ou, polo menos, aparentando que o teñen para logo aproveitarse dos incautos e incautas. De feito, é unha realidade que as máquinas que operan en Internet son cada vez máis sofisticadas, así como o material tecnolóxico que anda dunha beira a outra polo virtual, polo que en certa maneira non sería de estrañar que, coma os animais que conviven cos seres humanos (e viceversa), foran imitando paseniño a súa fasquía e as súas maneiras. De malas maneiras, segundo advirte a firma PC Tools, trata precisamente a páxina web rusa chamada CyberLover.ru, onde se está a promover un software que vai encamiñado a servir de carnada para os solitarios do universo web.
Así, o programa simularía identidades en flirteos en liña. O problema é que a xuízo da dita firma de seguridade, a tecnoloxía ó servizo da leria romántica podería servir para que determinados usuarios tentaran facerse cos nosos datos persoais e, tamén, cos nosos cartos. O caso é que os creadores da web gábanse de que é posible (a través da ferramenta en cuestión) cumprir o soño de todo doente sexual: ligar con dez mulleres ó mesmo tempo. Logo, todo depende da habilidade do usuario para convencelas de que acheguen os seus números de teléfono. Polo visto, as acusacións de PC Tools están a ser negadas polo sitio ruso, que sinala que o obxectivo da ferramenta non é a suplantación. O programa só está ó alcance da man dos habitantes daquel país, e sairá á venda o 15 de febreiro, casualmente logo da festividade de San Valentín.

PUBLICIDADE