Agardan que a facturación de Tuenti en 2009 sexa 10 veces superior á do ano pasado

martes, 13 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Aínda que Facebook xa sexa a rede social de máis popular en España, entre os mozos aínda se utiliza máis Tuenti, que pese a estar pechada ao público en xeral (só se pode acceder mediante invitación) goza dunha saúde francamente boa, chegando aos 5,1 millóns de usuarios único no pasado mes de novembro, cando a edición española de Facebook se só chegaba a 3,5 millóns, aínda que hai que advertir que nos últimos meses o número de usuarios de Facebook en España está a dispararse, polo que podería eclipsar totalmente a Tuenti, polo que sorprende que haxa quen espere que facturen en 2009 dez veces máis que en 2008, cando xa superaron os 600.000 euros, aínda que queda moi lonxe dos 300 millóns de dólares aos que podería chegar Facebook en 2008 (a nivel mundial).
Esta monetarización de Tuenti sería posible grazas ao alto índice de click-thru que conseguen certos anuncios de eventos localizados xeograficamente, que chegan ao 40%, mentres que un anuncio normal estaría por debaixo do 1% nunha web ordinaria. Enténdese así o atractivo de explotar comercialmente as redes sociais, aínda que é todo un reto atopar a fórmula que permita manter un nivel de eficiencia e calidade nas campañas, xa que este tipo de plataformas xa acadaron unha masa crítica de usuarios que lles forza a buscar beneficios económicos.
Dende Tuenti non dan datos oficiais, pero parece que o tempo da creación dunha comunidade de usuarios onde a publicidade era unha rara avis rematou, e agora teñen que comezar a funcionar como unha empresa, e render contas á vez que terán que loitar contra a forte competencia que lles está a facer Facebook.