Alén Space completa o desenvolvemento do satélite ETRISat para o instituto surcoreano ETRI

martes, 25 de novembro do 2025 S. P.

A firma galega Alén Space, referente do eido aeroespacial, finalizou a fabricación do satélite ETRISat, un CubeSat 6U desenvolvido integramente nas súas instalacións de Nigrán (España) para o Electronics and Telecommunications Research Institute (ETRI), unha das principais institucións públicas de investigación tecnolóxica de Corea do Sur.
O satélite xa foi entregado a ETRI e atópase en Corea do Sur á espera do seu lanzamento a bordo dun foguete Nuri (KSLV-II) do Korea Aerospace Research Institute (KARI). O despegue está previsto para os vindeiros días desde o Centro Espacial Naro, situado na provincia de Jeolla do Sur.
ETRISat ten como principal obxectivo a demostración en órbita (IOD) de tecnoloxías de comunicacións, en liña coas iniciativas de ETRI enfocadas na evolución das redes satelitais e marítimas. Un dos retos que se expón o proxecto é a verificación do envío de sinais a través de boias oceánicas equipadas para recoller información como a temperatura da auga ou a altura das ondas. Durante a misión, eses sinais serán transmitidas a ETRISat e, posteriormente, a estacións terreas para probar a súa eficacia na monitoraxe en tempo real de fenómenos climáticos e das condicións do mar.
O satélite integra unha carga útil baseada en TREVO, a radio definida por software (SDR) de alto rendemento de Alén Space. Sobre este hardware executaranse dúas aplicacións independentes: unha creada por ETRI, centrada na validación de solucións avanzadas de comunicacións, e outra habilitada por Alén Space para a transmisión de sinais AIS (Automatic Identification System) orientada á xestión do tráfico marítimo. “Esta arquitectura flexible permite ao cliente despregar as súas propias solucións sobre unha plataforma robusta e validada en órbita”, informou Alén Space, engadindo que o desenvolvemento do ETRISat levouse a cabo “como unha misión chave en man, que abrangue desde as fases de deseño e AIV ata a campaña de tests, a aplicación do software de control de misión (MCS) e as operacións iniciais en órbita (LEOP)”. A capacidade do equipo de Alén Space para adaptarse aos requisitos específicos de ETRI e a experiencia acumulada en misións anteriores permitiron acelerar os prazos de construción do satélite.
Alén Space engade que “ETRISat supón un novo fito na traxectoria internacional da nosa empresa, consolidando a nosa experiencia no desenvolvemento de misións completas e o noso posicionamento como provedores de solucións espaciais de alto valor engadido”.
“Colaborar tan estreitamente cunha institución como ETRI reforza o posicionamento internacional de Alén Space como socio tecnolóxico de confianza en proxectos altamente innovadores e desafiantes”, destaca Guillermo Lamelas, director executivo (CEO) de Alén Space. “Corea do Sur é un referente global no ámbito tecnolóxico e esperamos que ETRISat sexa o primeiro paso dunha relación duradeira”.
O cuarto lanzamento do foguete Nuri (KSLV-II), no que ETRISat compartirá voo con outros 12 satélites, é o primeiro desde a creación en 2024 da Administración Aeroespacial de Corea do Sur (KASA), que reforza a aposta do país asiático por converterse nunha das principais potencias espaciais do mundo.