Alén Space desenvolve as cargas útiles de comunicacións marítimas do compoñente español da Constelación Atlántica

martes, 2 de xuño do 2026 S. P.

A firma galega Alén Space participa no desenvolvemento do compoñente español da Constelación Atlántica (ESCA), unha iniciativa estratéxica impulsada pola Axencia Espacial Española (AEE) e xestionada tecnicamente pola Axencia Espacial Europea (ESA). O proxecto anunciou recentemente que superou a revisión crítica de deseño (Critical Design Review, CDR), un fito clave que marca o inicio da fase de produción dos satélites e as súas cargas útiles.
En concreto, Alén Space responsabilizouse do deseño e fabricación das cargas útiles AIS (Automatic Identification System), destinadas ao despregamento de novas capacidades de monitoraxe e comunicacións marítimas desde o espazo.
O traballo da compañía galega inclúe o desenvolvemento do modelo de enxeñería (EM) e do primeiro modelo de voo (FM), así como a fabricación en serie de oito unidades de voo adicionais (unha de reposto), que serán integradas nos satélites da constelación.
Open Cosmos, como contratista principal, lidera o desenvolvemento do compoñente español da Constelación Atlántica, composto por oito pequenos satélites idénticos de aproximadamente 100 quilogramos. Estas plataformas integrarán distintas capacidades de observación e monitoraxe, incluíndo cargas útiles VNIR, AIS, IoT e GNSS-R.
En conxunto, a Constelación Atlántica estará composta por 16 satélites coordinados entre España e Portugal, concibidos para reforzar as capacidades europeas de observación da Terra e proporcionar datos con alta frecuencia de revisita sobre o territorio e a contorna marítima. Esta iniciativa complementará os sistemas xa operativos, como os satélites Sentinel do programa europeo Copernicus.
A contribución de Alén Space céntrase nas cargas útiles AIS, baseadas na súa solución TOTEM de radio definida por software (SDR), que inclúe o frontend específico para a recepción de sinais AIS en banda VHF e a implementación da aplicación necesaria para o funcionamento do sistema.
Entre os usos previstos desta tecnoloxía, destacan o seguimento global de frotas en océanos abertos e zonas remotas; o apoio a operacións de procura e rescate (SAR); a monitoraxe de mercadorías en tempo real; e a vixilancia marítima para o control da pesca ilegal e a detección de actividades ilícitas.
Ademais das capacidades AIS, “a constelación permitirá desenvolver servizos avanzados de observación da Terra orientados á xestión de emerxencias, a monitoraxe medioambiental e a protección do territorio, que inclúen aplicacións relacionadas con incendios forestais, inundacións ou erupcións volcánicas”, informou Alén Space.
Este proxecto está aliñado con desenvolvementos recentes de Alén Space, como a misión SATMAR, impulsada por Portos do Estado e destinada á validación en órbita de novas capacidades de comunicacións marítimas baseadas no estándar VDES (VHF Data Exchange System).
Con esta iniciativa, a compañía quere contribuír ao “fortalecemento das capacidades industriais españolas no ámbito espacial e á posta en órbita dunha infraestrutura estratéxica para a monitoraxe do territorio e da contorna marítima”.