Altia desenvolverá o sistema de xestión de servizos do Centro de Satélites da UE

mércores, 12 de febreiro do 2020 Redacción

A empresa galega Altia, en alianza con Tracasa, adxudicouse o contrato para o o desenvolvemento e mantemento da infraestrutura de xestión de servizos do Centro de Satélites da Unión Europea, o SatCen. Con previsión de coller corpo en dúas fases, o proxecto foi financiado polo Programa Copérnico da Unión Europea e conta cun orzamento de 845.000 euros. Ao seu abeiro, a un nivel máis concreto, contémplase o despregue dos servizos de tecnoloxías da información precisos para o devandito equipamento de xestión de servizos, composto por cinco subsistemas: xestión do fluxo de traballo, almacenamento de datos, creación de tarefas, xestión de documentos e intelixencia empresarial.
Este sistema, que apoiará a xestión cotiá de Copernicus SEA mediante a monitoraxe e xestión de tarefas e procesos a nivel operativo (produción cartográfica) e administrativo, consiste nunha plataforma con capacidade para automatizar os fluxos de traballo, conectando a estrutura do Servizo Europeo de Acción Exterior (SEAE), o coordinador de servizos (SatCen), o contratista de produción xeoespacial e os usuarios finais do Servizo Copernicus en apoio da acción da UE (SEAE, Comisión Europea, Estados membros da UE, etc.).
O proxecto inclúe actividades como especificación, deseño, desenvolvemento, proba, corrección de erros, posta en marcha e documentación dunha plataforma SMI; mantemento e soporte da plataforma entregada (incluída a solución de problemas, actualizacións e cambios e melloras necesarias para que o SMI sexa funcional e/ou cumpra cos termos do contrato); ou a execución automática de labores como notificacións, copia de datos ou procesamento.

PUBLICIDADE