Altia impulsa a transformación tecnolóxica do Ministerio de Agricultura e Pesca

luns, 13 de decembro do 2021 S. P.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) adxudicou á empresa galega Altia o proxecto para desenvolver os seus sistemas informáticos, impulsando a súa transformación dixital co mantemento das tecnoloxías Java e .NET e facendo evolucionar a súa arquitectura tecnolóxica. Búscase “deseñar, desenvolver e implementar novos sistemas”, así como para crear novas funcionalidades de determinadas aplicacións.
Asi, xunto ao mantemento e materialización das aplicacións que utiliza o Ministerio na actualidade, Altia encargarase de evolucionar a arquitectura tecnolóxica Java para utilizar elementos e compoñentes actuais, como é o caso de microservizos ou os colectores, “coas vantaxes que isto supón para o posterior mantemento das aplicacións”, explican fontes da empresa TIC galega, engadindo que a adxudicación supón “un cambio substancial para o Ministerio”, ao permitirlle pasar da modalidade de asistencia técnica á de servizos xestionados, un paso “que lle achegará unha maior flexibilidade para adaptarse ás súas necesidades de transformación”. Altia fai saber que este novo modelo “porá en xogo unha dinámica máis fluída” e “facilitará a flexibilidade na realización dos proxectos axustándose aos requirimentos da evolución tecnolóxica actual”.
Para abordar este proceso evitar que o MAPA traballe con sistemas e tecnoloxías obsoletas, variouse o período de licitación, que antes era dun ano, e agora estará suxeito a unha adxudicación por dous anos, prorrogábel a outros dous.

PUBLICIDADE