Altia no top 50 da Clasificación Líderes Computing 2024
martes, 26 de marzo do 2024
A Clasificación Líderes Computing 2024, que inclúe as 150 empresas máis destacadas do sector TIC estatal, situou a Altia no posto 48, en palabras da empresa tecnolóxica de Oleiros (A Coruña) “un logro destacábel que subliña a nosa presenza sólida no mercado”.
Trátase dun estudo exhaustivo non só analiza o rendemento das grandes empresas do sector, senón que tamén proporciona unha avaliación detallada da evolución estratéxica das 30 compañías líderes a nivel nacional, así como datos clave de facturación.
Para Altia, a inclusión nesta clasificación é “un testemuño do compromiso da empresa cos seus clientes, o crecemento e a expansión internacional; posicionándonos para abordar proxectos tecnolóxicos preparados para o futuro, liderando a creación de oportunidades profesionais para o talento tecnolóxico”.
O informe revela tamén que o sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) experimentou un medre máis moderado en 2023 en comparación con anos anteriores. Cun aumento do 4.3% entre as 100 primeiras compañías da clasificación, este crecemento é lixeiramente inferior ao rexistrado en 2022, que foi do 6.5%. Ademais, o informe sinala un comportamento estábel en canto aos persoais das organizacións tecnolóxicas, cun aumento do 3.8% en comparación co significativo 11.5% rexistrado en 2022.