Amal, o certame galego-árabe de cinema, afiánzase na Rede
xoves, 17 de abril do 2008
O Festival AMAL é unha ponte tendida entre a comunidade galega e árabe e sostida por un deses elementos comúns a todas as persoas con independencia de onde vivan: a afección ás historias que transcorren a 24 fotogramas por segundo. Agora, segundo vén de informar a organización do festival (a Fundación Araguaney, con sede en Santiago), a ponte vén de reforzarse cun material resistente de primeira orde: un espazo web con vontade de achegar algo máis que novas (que as ten, actualizadas decote).
A páxina, a piques de ficar plenamente activa, estase dando a coñecer ó mesmo tempo que se confirma a concorrencia do certame en dous festivais internacionais do Golfo Pérsico: Gulf Film Festival en Dubai (do 13 ó 18 e abril) e Al Jazeera International Documentary Film Festival en Qatar (do 21 ó 24 de abril).
A web, que aparece perante a comunidade internauta en galego, castelán, inglés, francés e árabe, vai encamiñada (como dixemos) a informar puntualmente de todas as novidades cinematográficas do certame e, tamén, a ofrecer canles para a comunicación entre os afeccionados e entre estes e os organizadores (vÃa chat).
Asemade, o equipo responsable do Festival está a participar coa Axencia Audiovisual Galega no programa Cinemas Dixitais, que ten como finalidade achegar ó público galego pezas que dificilmente poderán ver nas canles tradicionais de comunicación, e menos aÃnda nas cada vez máis estritamente comerciais salas de cine. Segundo informa a organización do certame galego-árabe, Cinemas Dixitais xa está a recibir as primeiras solicitudes de concellos da nosa terra para exhibir o ciclo de cinema árabe, sendo o concello da Mezquita o primeiro en facelo.
