Amazon incorpórase á MPA

venres, 20 de setembro do 2024 Marcus Fernández

A Motion Picture Association (MPA), patronal do sector cinematográfico, anunciou que o vindeiro 1 de outubro incorporarase á asociación Prime Video e Amazon MGM Studios, onde xa están Netflix, Paramount Pictures, Sony Pictures, Universal Studios, The Walt Disney Studios e Warner Bros. Discovery.
Temos así un paso máis na evolución da MPA, entidade que inicialmente se centraba no cine, pero que foi abríndose á televisión e agora tamén ao streaming, pese a terse resistido moito ao recoñecemento deste último negocio, por consideralo unha ameaza para o modelo de negocio que estaba establecido, pero que resultou ser imparable, chegando incluso a ser clave para a salvación económica de varios dos grandes estudios cinematográficos históricos.
Neste caso podería considerarse que esta operación é simplemente restauración dunha presenza histórica, xa que en 2021 Amazon adquiriu a Metro-Goldwyn-Mayer, un dos estudios fundadores da MPA en 1923.
Entidades como a MPA serven para que a industria xunte forzas para protexer a creadores e contidos a nivel internacional (sendo responsable incluso do sistema de clasificación por idades nos EE.UU.), sendo unha das asociacións que promoveu moitas das medidas anti-piratería a escala global que actualmente están moi presentes na Internet, mantendo a integridade do negocio audiovisual.