Amazon prepara unha serie de televisión do Señor dos Aneis

luns, 13 de novembro do 2017 Marcus Fernández

A nova serie sería unha especie de precuela de A Irmandade do Anel

Os servizos de vídeo baixo demanda están a ter cada vez unha maior porción da torta do audiovisual, aproveitando grandes franquías como reclamo, e ao igual que a HBO tirou da obra de George. R. Martin para acadar o éxito, agora chega Amazon e anuncia que vén de facerse con dereitos mundiais para televisión de O Señor dos Aneis, historia de fantasía recollida en novelas de J.R.R. Tolkien que foron adaptadas ao cine por Peter Jackson, e que terán un novo achegamento durante varias tempadas, para o que Amazon Studios colaborará con Tolkien Estate and Trust, HarperCollins e New Line Cinema (Warner Bros. Entertainment).
A serie de televisión que terá en exclusiva Amazon Prime Video estará ambientada na Terra Media, pero explorará acontecementos anteriores aos acontecidos en A Irmandade do Anel e non desbotan a realización doutras series derivadas adicionais.
Lembremos que a plataforma de vídeo baixo demanda está dispoñible para subscritores de Amazon Prime (antes coñecido como Amazon Premium) sen custo adicional, podendo consumirse en televisores conectados, consolas de videoxogos, tabletas, smartphones e tamén a través do Fire TV Stick Basic Edition, dispositivo que chegou ao mercado español a semana pasada.

PUBLICIDADE