Amigus despide o ano aprendéndonos a facer robots, drons e téxtiles interactivos

xoves, 21 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

O Lar de Endesa (As Pontes) vai volver ser o eixe da actividade galega Maker, da man, unha vez máis, da Asociación Amigus e dos obradoiros Amigus Labs. A nova cita será este 30 de decembro e, no plano específico, desenvolverase a xeito de espazo de fabricación dixital e formación. En termos máis concretos, os asistentes á xeira de traballo aprenderán a usar pequenas placas de prototipado e a converter, con estas placas, diferentes proxectos tecnolóxicos en realidade.
“Mediante Arduino ou Raspberry PI crearemos uns sinxelos robots, drons, téxtiles interactivos ou controlaremos tiras de LED”, informan os integrantes da asociación das Pontes, engadindo que para dar forma aos proxectos os participantes modelarán en 3D (ou coa axuda de escáneres 3D) as diferentes pezas que logo se fabricarán en impresoras 3D ou na fresadora CNC.
Amais de todo o devandito, a materialización das propostas implicará tamén o emprego de diferentes técnicas para a ensamblaxe das creacións, por exemplo micro soldadura con estaño, agulla e fío condutor, para os traballos téxtiles.
A idade mínima para participar nos workshops é de oito anos en adiante. Tódalas actividades realizaranse de 10:30 a 20:00 horas, facendo unha parada para comer de 14:00 a 16:00. O xantar será no propio Lar de Endesa, por un prezo de 15 euros por persoa.
Para asistir á nova xeira dos Amigus Labs poderemos acudir equipados co noso computador, xa que temos dereito a unha praza onde instalalo, a un enchufe de rede eléctrica e outro punto de acceso para a rede de datos.
A inscrición é de balde. Podemos apuntarnos enviando un correo electrónico a amigus@amiguslabs.org (prazas limitadas). Os menores deberán traer a autorización dos pais/titor para asistir a Amigus Labs (PDF).
A xeira de traballo está organizada pola Asociación Informática Amigus, Amigus Labs e Merca Nas Pontes. Colaboran o Concello das Pontes, Cohempo, Endesa, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital, Triade, Severiano Agrocomercial, Escourido Asociados, Clip Carbono, Ferretería Marcos, Lujo, Matojoma, You can school of English, Fitter, Pontesa Marmoles y granitos, Desguaces Vilabella, Óptica Carmela, Galiorient, Servicio Móvil, Areco, Panadería San José, Fotografía Fabian, Don Dino, CONPLC, IcoEume, Preludio Musical, Arprosa, Radio Eter, MakerGal e Grupo de Empresa Endesa. Amigus Labs é un proxecto da Asociación Informática Amigus.

PUBLICIDADE