Amnistía Internacional denuncia o doado acceso que teñen os menores a videoxogos violentos

mércores, 26 de decembro do 2007 Marcus Fernández

A facilidade coa que os cativos poden acceder a videoxogos para adultos nos que prima a violencia preocupa a Amnistía Internacional, polo que publicaron un informe (descargable en formato PDF) no que se denuncia a situación e se pide unha regulación máis dura que impida a compra de xogos violentos por parte dos nenos por considerar insuficiente o sistema PEGI de cualificación por idades nos videoxogos, que é o sistema de auto-regulación establecido polos distribuidores destes produtos e que parece ser un grande descoñecido para os pais.
Dende Amnistía Internacional tamén consideran que o código PEGI non sempre está ben aplicado, e estiman que a cualificación de 7+ a Juiced 2 ou de 12+ a Pursuit Force son claramente insuficientes, pois os títulos deberían estar recomendados para maiores de idade segundo os responsables do informe antes mencionado.
Detectouse que o acceso de menores a xogo 18+ nas tendas era doado en 6 cidades de 5 comunidades autónomas testadas, e así advirten especialmente de títulos coma Resident Evil 3, Blood Money, The Suffering, The Mansion, Silent Hill, Scarface, God of War, Saints Row, Driver Parallel Lines WII ou Gangs of London.

PUBLICIDADE